Para acadar os obxectivos das investigacións analizaranse os datos procedentes de parcelas de investigación de montes veciñais en man común de: Maceda (Ourense), Rosal (Pontevedra), A Guarda (Pontevedra), Baroña (Porto do Son, Coruña), Ferreira de Pantón (Lugo), Mondoñedo (Lugo) e Culleredo (Coruña) cos seguintes ensaios:
Ensaio 1. Métodos e alternativas de produción. O estimulante a empregar será sempre o mesmo. O deseño experimental é de tres bloques completos aleatorizados, con catro tratamentos e 20 árbores por tratamento e por bloque:
- Pica de casca con 1 cara de 12 cm de 1º ano.
- Pica de casca con 1 cara de 20 cm de 1º ano.
- Pica de casca con 1 cara de 12 cm de 2º ano.
- Pica de casca con 1 cara de 20 cm de 2º ano.
(Localización: Baroña)
Ensaio 2. Efecto de diferentes pastas estimulantes no método de pica de casca cun ancho de ferida de 16 cm en Pinus pinarter e en Pinus radiata durante dúas campañas de resinación. Establecéronse tres bloques experimentais de 130 pes, cun total de 390 pinos por parcela de experimentación.
- Pasta aceda (40% de ácido sulfúrico). Tráese de zonas resineiras de Castela León. (30 pinos por parcela)
- Pasta ethrel (con Etephon). Tráese de zonas resineiras de Castela León. (30 pinos por parcela)
- Pasta Asacif (con ácido salicílico). Baixo formulación do CIF Lourizán. (30 pinos por parcela)
- Control (5 resinados sen estimulante e 5 pechados por parcela)
(Localización: Baroña, Mondoñedo, Culleredo e Ferreira de Pantón).
Ensaio 3. Avaliar a eficacia das distintas pastas estimulantes sobre a produción total e a dinámica de fluxo de resina mediante técnicas de microresinación. Realizaranse experimentos paralelos ó Ensaio 2 nos mesmos montes e especies e utilizando as mesmas pastas estimulantes. A comparación dos resultados dos experimentos mediante micoresinación cos resultados obtidos mediante resinación convencional permitirá determinar o valor preditivo das técnicas de microresinación como ferramentas para avaliar a eficacia de distintas pastas estimulantes en resinación convencional. A súa vez, a realización da experiencia en varios montes, campañas de resinación e en distintas especies permitirá avaliar como a influencia do ambiente espacial e temporal afecta a eficacia das distintas pastas estimulantes. En cada monte e para cada especie establecerase un deseño de bloques completos aleatorizados con 3 bloques e 16 árbores por unidade experimental (48 por parcela e monte).
(Localización: Baroña, Mondoñedo, Culleredo e Ferreira de Pantón).
Ensaio 4. Produción dunha resina pura aplicando Eco estimulantes a partir do método Borehole. O obxectivo deste ensaio é a búsqueda dun estimulante que aumente a produción de oleorresina a curto prazo para a súa aplicación na campaña de verán. Disporase de tres bloques, cun total de 120 arbores.
- 30 árbores control barrenados sen estimulante.
- 30 árbores barrenados con estimulante ECOCIF_N1.
- 30 árbores barrenados con estimulante ECOCIF_N2.
- 30 árbores barrenados con estimulante ECOCIF_N3.
(Localización: Baroña, Maceda , Rosal e A Guarda).
Ensaio 5. Proba piloto para mecanizar o proceso manual de resinación mediante amoladora para a realización de pica de casca por raión. Realizar probas de pica de casca cunha amoladora a batería cun disco groso que permite realizar picas en forma de raións de forma mecanizada evitando así o traballo con ferramentas manuais tradicionais.
(Localización: Baroña)
Para todos os ensaios, as árbores en estudo non estarán próximas a claros, estarán identificadas individualmente e de forma indeleble e nelas medirase o diámetro normal, a altura total e a altura de copa.