A resina é unha secreción que producen distintas coníferas, especialmente as do xénero Pinus, onde o seus primeiros usos teñen mais de dous mil anos (Rodríguez García y cols., 2016). Aínda que se pode obter da árbore cortada (Coppen y Hone, 1995), o mais frecuente é inducir a súa produción nas árbores vivas, e este proceso, xunto co de recolección denomínase resinación. Para inducir a produción é necesario realizar feridas no tronco e complementariamente tamén se poden dispoñer sustancias estimulantes, que aumentan e prolongan o efecto da ferida mecánica. En España o aproveitamento céntrase na especie Pinus pinaster Ait. sendo Castela León sempre a principal comunidade produtora. Este aproveitamento tivo o seu auxe nos anos 60 do século XX, cun máximo de produción de mais de 55.000 toneladas no ano 1961 (Picardo Nieto e Pinillos Herrero, 2013). Posteriormente a crise do sector, motivada principalmente coa entrada de China no mercado global, provocou o seu paulatino abandono en España debido á falta de rendibilidade. Sen embargo, actualmente reactivouse novamente o seu aproveitamento por motivos económicos (subida de prezos e demanda). Ademais, os beneficios sociais do aproveitamento como xerador de emprego ou os ecolóxicos na protección contra os lumes forestais saen a debate nos foros especializados. O método de aproveitamento máis común en España é o de pica de casca con estimulación química ou método americano, e que empezou a implantarse a mediados do pasado século. Neste método a resina flúe dende a ferida, denominada pica, pola árbore ata depositarse nun recipiente aberto denominado pote. Este fluxo cesa co tempo e é necesario realizar novas picas para reactivalo.
Aínda que Galicia non é tradicionalmente unha comunidade produtora de resina, o auxe do seu aproveitamento a mediados do pasado século propiciou que, dende comezo dos anos 50 a principios dos 70, o antigo Instituto Forestal de Investigacións e Experiencias (IFIE) estudara as posibilidades deste aproveitamento na comunidade (Martínez Chamorro, 2016a). A crise do sector e a falta de tradición paralizaron estas experiencias e o fomento deste aproveitamento na rexión. Sen embargo, debido a que actualmente reactivouse o aproveitamento en España, tamén se reactivou a interese en Galicia, a cal posúe 217.281 ha de masas puras de P. pinaster (MARM, 2011). Unha cuestión clave en Galicia é a compatibilidade co aproveitamento madeireiro, preocupación xa constatada nos ensaios do IFIE, e que propoñían a resinación como un aproveitamento secundario e limitado nos 2-5 anos antes da corta final. Unha “resinación a vida”, como a practicada nos piñeirais castelás, é mais dificilmente compatible co aproveitamento de madeira de calidade (Martínez Chamorro, 2016a). Segundo Martínez Chamorro (2016b) deberíanse adaptar métodos de resinación propios para Galicia e iniciar liñas de investigación que posibiliten a innovación do sector. Ademais do método pica de casca, débense estudar as posibilidades que ofrecen métodos novos de extracción en contedor pechado, como o método Borehole (Hodges & Johnson, 1997), onde se realiza unha ou mais perforacións na base do tronco, cunha broca e penetrando na madeira, para despois recoller a resina nun recipiente pechado.
Debido a reactivación do sector, a interese crecente en Galicia, e a falta de criterios de decisión en base a resultados e conclusións derivadas de investigación, o CIF Lourizán leva realizadas dende o ano 2015, diversas experiencias para determinar as posibilidades do aproveitamento resineiro na rexión. Os resultados destas experiencias (Martínez Chamorro, 2019) xustifican a instalación dun proxecto piloto con varias parcelas de investigación para continuar os ensaios e conseguir resultados e conclusións máis robustos cos que informar e formar ó sector. Para este proxecto o CIF Lourizán (Pontevedra) cooperara coa empresa Resinas Fernández, coa empresa Foresin, a MVMC de Baroña, Roberto Touza Rodriguez e a MBG-CSIC.